Os centros educativos enfróntanse hoxe a retos complexos relacionados coa convivencia, a comunicación e o benestar emocional do alumnado. Para responder a estas situacións, é necesario contar con enfoques educativos eficaces que vaian máis alá do modelo punitivo tradicional.

Dende o ANPA, co apoio do Consello Escolar, cremos firmemente que a infancia e a adolescencia son etapas clave para aprender a convivir, comunicarse e construír valores. Por iso, este curso poñemos en marcha as Prácticas Restaurativas a través do proxecto ESCOLAS DE PAZ, impulsado pola Fundación Sergio Villar.

As Prácticas Restaurativas fomentan a cohesión do grupo e o sentido de pertenza, reforzan a comunicación e a responsabilidade compartida, prevén o acoso escolar e promoven a reparación do dano e o coidado dos vínculos.

Escolas de Paz é unha iniciativa conxunta da Fundación Sergio Villar, CIMEGA (Círculo de Mediadores de Galicia) e un equipo técnico socioeducativo formado por educadores e educadoras sociais, psicólogos/as e orientadores/as escolares. Este equipo é o encargado de desenvolver accións preventivas e de base nos centros educativos, fomentando unha convivencia máis saudable e respectuosa.

O programa que se desenvolverá no EUSEBIO DA GUARDA, e que xa se iniciou nas primeiras semanas deste trimestre, componse de:

  • XORNADA CO PROFESORADO: para introducción á mirada restaurativa e recollida de necesidades.
  • OBRADOIROS NA AULA: sesións de círculos de diálogo por aula co alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria, traballando a escoita activa, empatía, expresión emocional, respecto e participación.
  • XORNADA COAS FAMILIAS: para dar a coñecer a metodoloxía e fomentar a vosa implicación. Comunicaremos en breve a data e o horario no que se celebrará a mesma.

Unha das ferramentas principais deste proxecto son os CÍRCULOS DE DIÁLOGO, unha dinámica participativa guiada por unha persoa facilitadora, que favorece a escoita, o respecto e a implicación de todo o alumnado. A través destes espazos trabállanse valores como a igualdade, a convivencia positiva e a non discriminación, contribuíndo a formar persoas máis empáticas e comprometidas.

Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.